Ballad of a thin man, exactamente. 2º intento.
Hoxe volvo insistir (a ver se desta vai) sobre unha das miñas cancións preferidas, a quinta do disco que da o alcume ó mestre Chiquito. Correde onde os vosos discos, sacade do reproductor iso que esteades escoitando (agás se é Dylan, se é El podedes esperar a que remate para ler este post, obviamente), e poñede “Ballad of a thin man”.
Para min as cancións preferidas de Dylan,- digo mentres nos meus afortunados ouvidos soa esa entradilla irrepetible- como os discos, varían de ano en ano, de mes en mes e, sendo estrictos, dun minuto para outro, dependendo da miña mala memoria ou do que estea escoitando. Pero en “Ballad of a Thin Man” o Mestre de Duluth (estaremos de acordo, mestre Chiquito, en cederlle as maiúsculas, ¿non é?) consigue sempre sacarme un sorriso, deixarme perplexo, obrígame a me erguer do asento ou achegarme sen máis ó aparato de música para premer ese botón que pon “repeat” ou as frechas pequechas para atrás. E unha e outra vez escoito esa canción, unha e outra vez detéñome no final desa primeira estrofa i ese retrouso nos que vén dicir algo así como: “o intentas con moitas gañas pero nen sequera sabes que é o que vas contar cando chegues a casa. Porque aquí está pasando algo pero ti non sabes o que é, ¿ou si, Mister Jones?”. Exactamente o resumen -imposible resumir, de acordo- desa canción. Exactamente a sensación que moitas veces me produce escoitar a Bob Dylan. Exactamente o que pasa cando un está diante dunha obra de arte, o que os clásicos chamaban “claritas” i eu escoitei explicar mellor que a ninguén a Antonio López falando de Velázquez. “Sempre que estás diante dun cadro seu, pasa algo”. É iso, ¿non é?
PD: Como o meu galego é infinitamente peor que o inglés de Zimmi, reproduzo a seguir o orixinal traducido máis arriba e que di así, exactamente: “You try so hard/but you don’t understand/just what you’ll say when you get home/Because something is happening here/but you don’t know what it is/Do you, Mister Jones?”
PD2: Se picades na foto verédela a un tamaño máis axeitado. Hoxe xa conseguín subir o texto; afeitos ó mestre e mailo Mestre non pidades tamén milagros os seus discípulos. Pertence a un libro de Ediciones Castilla, herdanza dunha antiga moza, titulado “Bob Dylan: escritos, canciones y dibujos, tomo 2″.
