O Grande Ano de Dylan
O Grande Ano foi un concepto de enorme importancia na Antigüidade, relacionado coa maxia, a taumaturxia, a divinidade. Tratábase da busca de ritmos temporais universais en toda a extensión da expresión, dunha periodicidade trascendente, a escalas moi superiores á humana, como correspondía ao seu carácter relixioso. O Grande Ano por excelencia é o exipcio, recollido pola astroloxía (que hai que lembrar que durante moito tempo foi unha ciencia non separada da astronomía) até hoxe en día, e que corresponde ao tempo que a Terra tarda en percorrer toda a bóveda celeste atravesando as doce constelacións. E tarda algo máis de 25000 anos, o que nos fala con claridade da consciencia que tiñan aqueles homes da grandeza do que os rodeaba, o que os iguala a nós, dylanistas e dylanólatras. Este concepto de Grande Ano foi asimilado por todas as culturas do Mediterráneo, e así houbo outros anos enormes, non tanto como o exipcio, pero si máis comprensibles e cercanos ao noso mundo. Un dos máis populares foi o Grande Ano composto por 365 anos, correspondentes obviamente a cada un dos 365 días que compoñen o ano normal, dividido tamén en 12 “grandes meses” e en 4 “grandes estacións”. Cada un deses anos tiñan o seu equivalente en cada un dos días do ano, e viceversa, o que facilitaba esa viaxe entre o humano e o divino da que falaba ao principio. Por outra banda, o número 365 xa fora empregado polos pitagóricos para representar á divinidade, así como será recoñecido polos gnósticos ca mesma fin: a totalidade representada por todos os días do ano, o principio e a fin, o alfa e o omega, e tamén, paradoxalmente, o renacemento despois da morte, o cíclico, o que non ten principio nin fin. É dicir, deus mesmo.
E sendo Dylan deus, por exemplo, axudaríanos moito ter un Grande Ano que o represente, a el e á súa obra, e que nos facilite a comunicación con el. O Grande Ano de Dylan (GAD).
Xaneiro: Desire 5, Planet Waves 17, Dylan & The Dead 18, Blood on the Tracks 20.
Febreiro: The Times They’re a-changing 10.
Marzo: Bob Dylan 19, Bringing It All Back Home 22.
Abril: Nashville Skyline 9, At Budokan 23.
Maio: Blonde ond Blonde 16, Down the Groove 19, The Freewheelin’ 27, Empire Burlesque 30.
Xuño: Self Portrait 8, Street Legal 15, Saved 19, Before the Flood 20, MTV Unplugged 30.
Xullo: The Basement Tapes 1, Pat Garret & Billy the Kid 13, Knocked Out Loaded 14.
Agosto: Another Side of Bob Dylan 8, Shot of Love 12, Slow Train Coming 20, Modern Times 29, Highway 61 Revisited 30.
Setembro: Hard Rain 1, Under the Red Sky 11, Love and Theft 11, Oh, Mercy 12, Time Out of Mind 30.
Outubro: New Morning 21, World Gone Wrong 26, Infidels 27.
Novembro: Good As I Been To You 2, Dylan 16, Real Live 29.
Decembro: John Wesley Harding 27.
Neste calendario, que deberíamos adoptar desde xa sen complexos, recóllese a obra orixinal e oficial de BD. O nome dos LP’s vai acompañado do día do mes no que foron publicados. Quen sabe se algún deses días é o voso aniversario, o da vosa voda, ou da vosa perda da virxinidade, do voso cabodano (nunca se sabe con quen está tratando un), ou… Quén sabe, digo. Podedes engadir a eses fitos (fasti ou nefasti?) outros que vos relacionen co GAD. Eu, por exemplo, nacín o 15 de maio e casei o 29 de setembro, e podedes comprobar como é entre eses dous días do GAD cando Bd ofreceu o mellor de si mesmo. Casualidade?
Son un friki, desde hai moito tempo, pero agora que sei que non estou so, son un friki feliz e acompañado. Se a algún de vós se lle ocorre algunha cousa que poda completar este calendario, estámolo agardando. E se alguén sabe e quere maquetar un calendario que sustitúa o santoral por estes e outros acontecementos dylanianos, desde logo que sería moi ben recibido. É tempo de calendarios e eu quero un.
Boas noites, amigos.