+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Dylan, Bryars, Waits, un vello borracho e cinco milagres

Gavin Bryars é un músico excepcional cunha sólida formación clásica, un compositor inclinado á música minimalista, pouco coñecido polo público en xeral pero cunha enorme reputación entre outros músicos. Entrou sen sabelo no noso pequeno mundo o día que aceptou escribir a banda sonora dun documental sobre seres vagabundos, perdidos e esquecidos, sobre desherdados en xeral. Ca fin de usalos na súa composición, decidiu saír á rúa na busca dos sons que estes producen e que os rodean. Armado cun magnetofón, perdeuse entusiasmado polas rúas traseiras da cidade, e así foi como atopou unha perla entre o lixo. Primeiro milagre.

Despois de todo un día gravando a borrachos, putas, yonquis e tolos, acabou nunha cociña da Salvation Army do Village, onde chegou acompañando a unha vella que a penas se mantiña en pé. Falou cunha das voluntarias que, cando soupo o que estaba a facer, contoulle dun vello que andaba polo barrio que sabía mil e unha cancións que cantaba continuamente. Facíase chamar Bob Dylan, pero ninguén sabía o seu verdadeiro nome. Polo Village dicíase que chegara a NI desde o Medio Oeste a principios dos 60′ buscando fama, e que mesmo gravara dous ou tres discos. Tamén se dicía que no seu tempo chegara a ser moi coñecido polo barrio e que incluso algún grupo punteiro gravara con certo éxito algunha das súas cancións. Despois a súa estrela apagárase, quén sabe, as drogas, o alcohol, un amor desgrazado, e ficou ancorado nunha realidade da que non puido escapar. Segundo a camareira aquel home soía parar nun parque tres rúas máis abaixo e, como inda quedaban un par de horas de luz e algo de cinta na máquina de Gavin, ordenou ir buscalo.

Atopouno. Sen teito, sen dentes, sen razón. Sen absolutamente nada. Sentado no chan, cunha botella na man a penas tapada por unha bolsa de cartón. A rapaza do Exército de Salvación dixéralle que andaría polos 50 anos, mais aparentaba 200. Non dicía máis ca incongruencias e cando Gavin, despois de darlle unhas moedas, lle preguntou se podía cantar unha canción, soltou un discurso alucinado sobre que el tería cambiado a historia da música se alguén lle tivera escoitado, que era capaz de lembrar miles de cancións que ninguén escoitara antes, que na súa cabeza Guthrie soaba como Elvis, e nonseiqué sobre que el, que fixera zapatos para todo o mundo, seguía descalzo. Mentres falaba ía lembrando vellas cancións de Little Richard mesturadas co que parecían ser uns blues non menos vellos, cancións de igrexia e algunhas otras pezas que Gavin non foi quen de distinguir. Estivo con el media hora, deulle algunha moeda máis e marchou. Mais a historia non acaba aquí. Xusto empeza.

Gavin chegou á súa casa e subiu ao estudo. Alí comezou a descargar no seu Mac o material gravado. Mentres o escoitaba. sentado ao piano, ía recollendo ideas acó e acolá, pequenos arpexios, anacos de melodías desgastadas polas voces daqueles seres de submundo. Cando chegou á parte do vello Dylan tropezou cunha peza que estaba, segundo milagre, maxicamente afinada co seu piano: “Jesus blood, never failed me yet, never failed me yet. Jesus blood, never failed me yet, this one thing I know, that he loves me so…” Decatouse tamén de que a pesar do seu estado aquel home a penas desafinaba, mantendo o ton en todo momento, de tal xeito que, como sucede a miúdo co canto dos paxaros, o final da melodía enlazaba co principio. Despois de pasar as cintas ao ordenador, despois de cear, despois de lavar os dentes, despois de espirse e despois de pechar os seus ollos, aquela melodía seguía a soar entre os seus oídos e entre os seus dentes.

Ao día seguinte chegou aos estudos da Philips co CD onde almacenara o que lle parecera máis interesante. Pasou toda a mañá nunha das cabinas acompañado dun técnico que lle axudou a limpar as pistas e a mellorar o son todo o que lles foi posible. Co material preparado, decidiu comezar a traballar coa tonada cristiá do vello Dylan e, seguindo a súa primeira intención, seleccionou o fragmento que o engaiolara a noite anterior. Con el fixo un loop, un bucle, que repetiría aquela melodía e a súa letra 100, 150 ou 200 veces, as que foran necesarios para traballar os arranxos con que xa pensara adornala: unha escasa orquestración que resaltara as virtudes da tonada, belísima por sí soa. E aquí o terceiro milagre. Ao abandonar a habitación, o técnico deixara a porta aberta sen querer, de xeito que aquela melodía repetida até o infinito saíra da cabina da man do piano de Gavin, que aos poucos ía afinando cada vez máis o acompañamento. A voz de Dylan foi chegando até o último rincón dos estudos. Cando un par de horas despois Gavin se afastou do piano para estirar as pernas e descansar a cabeza, antes de que lle dera tempo a parar o loop, decatouse de que a porta estaba aberta e de que fóra, en total silencio, había unha media ducia de persoas, quedas como estatuas, ollando fixamente os altofalante dos que saía aquela repetida melodía. Ninguén fixo o máis mínimo movemento mentres Gavin saía ao corredor, onde puido ver a outros tantos que estaban igulamente quedos escoitando. Algúns estaban sentados no chan e outros apoiados na parede fitando o chan. Ninguén se movía. Parecía que o tempo se parara. Cuarto milagre: Tom Waits estaba naquel corredor. Estaba claro que a intuición que Gavin tivera a noite anterior era boa. Moi boa.

Como Dylan cambiou a historia da música e publicou moitos discos, o vello gravado por Gavin Bryars será sempre un gran descoñecido para nós. Como todos levamos un Dylan dentro, supoño que tamén temos que levar un vello descoñecido. En todo caso aquí está o que Gavin fixo con aquela gravación. Se lle prestades algo de atención e agarimo, esta canción devolverávolos con intereses. Escoitarédesvos a vós mesmos e veredes unha vez máis como a música, en pouco máis de catro minutos, converte a máis absoluta das derrotas nunha magnífica vitoria e a máis fonda miseria na máis alta dignidade. E, quinto milagre, non se trata de Like a Rolling Stone.  

One Response to Dylan, Bryars, Waits, un vello borracho e cinco milagres »»


Comments

  1. Comment by dylangz | 2006/12/09 at 00:25:46

    ¡Buf! ¡Pásaste un güevo, tío!, ¡cojonudo!

    Un día cóntoche como coñecín eu a Gavin Bryars. Como o relato é cómico prefiro deixalo para outra vez. Agora estou aínda impresionado, polo texto, pola historia, pola música e polo ben que escribes.

    Saúdos e moito Dylan.


Leave a Reply »»