O Long Play da semana (V): New Morning
Este é outro dos meus descubrimentos serodios. Non sei nin como chegou a mín. Algún amigo ou coñecido, facendo limpeza na súa casa, atopou a cinta e, coñecendo o meu interese polo animal, ordenou darma no canto de tirala. Eu nunca mercaría unha cinta de casete, só me serviron para a copia pirata. Se Dylan cre que o son do CD é infame, eu creo o mesmo das cintas.
New Morning, pode parecer mellor ou peor, mais é Dylan en estado puro, pletórico, e iso xa debería ser suficiente. Certo que as letras xa non teñen nada que ver co que fixo nos anos ’60, desaparecida case calquera pegada de referencia social ou política e tamén calquera veleidade vangardista. O que tentara en JohnWesley Harding sen que lle saíra de todo, deixar a palabra núa, que cada verso transmitira unha idea clara, que os conceptos manexados se transparentaran sen dificultades, é agora obxectivo cumprido. Cancións de amor na súa meirande parte, intimistas en todo caso, só se permiten algunhas referencias bíblicas e unha certa retranca na que Dylan semella rirse de si mesmo, da súa felicidade, da súa ledicia convertida ás veces en sinxela tontuna.
A música é outra cousa. Está Al Kooper e iso garante que todo vai ir ben. O LP soa campestre, pero é complexo de máis como para ser considerado música country sen máis. É música country pasada por Dylan, e ao country pásalle como ao folk e ao rock cando pasan por Dylan: que xa non volven ser o que eran. A voz de BD soa perfecta (…mente dylaniana) e aparecen voces femininas, incluso algún coro (non corazos gospel negros como os que soarán oito anos despois). Se escoitades a primeira canción, If Not For You, outra franquicia Dylan, xa sabemos que este home sóltaas así, sen avisar, haise que fixar que comeza como unha tormenta de ideas, onde unha morea de instrumentos con ganas de protagonismo presentan de forma leda, como se amanecera, as súas credenciais e propostas, para relaxarse de súpeto preparando unha mol cama de slide, hammond e suave percusión para recoller a voz de Dylan.
Gústanme case todas as cancións deste disco. The Day of the Locusts, Time Pass Slowly (here in the mountain), o pequeno vals de Winterlude, a breve pero esperanzada New Morning, a preciosa Sign on the Window (build you a caban in
Utah) ou a bluseira One More Weekend, algo máis cas outras, pero en fin. Son, repito, cancións de amor, sinxelas (polo menos aparentemente), que retratan a ledicia dun home feliz e namorado. Xa non hai mulleres ás que se lle caian os laciños dos rizos, ás que até a verba “adeus” lles veña grande, ou desas que non teñen nada e que nada teñen que perder. Aquí hai cabanas de madeira, ceos azuis, coellos que cruzan camiños que corren baixo a sombra das vellas árbores, fines de semana eternas…. Podemos estar namorados e ser felices? Pois claro que si, coño, así que a disfrutar do LP. Sen remorsos.