A gravadora de Pettersen
- “Ola, son Pettersen.”
- “Ah! Pasa, pasa. Estabamos agardándote.”
Entrei no apartamento. Era pequecho e estaba cheo de cousas espalladas por acó e por acolá, con posters e outras cousas colgadas da parede e unha radio na repisa da fiestra. Debaixo desta estaba a cama, onde sentaban dúas mozas, unha loira e outra morena.
- “Ista é Bonnie” dixo, e bicouna nos beizos. “E ista guapa loira é Cindy.”
Estaban “algo” peneques. Cindy ofreceume a botella de viño e, por non quedar mal, boteille un grolo. Case poto, pero aguantei coma un home, penso que non se decataron.
- “Ti es… Dylan, non?” Vacilei antes de dicilo porque, inda que me aseguraran que se presentaba así nos cafés cantantes de St. Paul onde tocaba algunhas noites, era tan ridículo e presuntuoso que non sabía se lle parecería ben que lle chamase así fóra do escenario.
- “Si. Pero mellor chámalle Bobby. Ou Zimmy.” A loira tampouco semellaba estar moi a gusto co alcume do seu amigo.
Polo acento e as pintas ela tamén parecía ser unha pailana do Iron Range, non como Bonnie, que era o típico bombón de Twin Cities engaiolada polos universitarios beatniks. Un amigo común falárame deste Dylan, que devecía por gravar as súas cancións, e como sabía que eu andaba entusiasmado co meu novo magnetófono, díxome se podía pasarme polo apartamento de Dylan para gravalo. Segundo el o tal Dylan (estivemos un bo rato escarallándonos coa ocorrencia do pailán) non era moi bo, mais si entusiasta, e tiña tamén un bo repertorio, con cancións de Jimmie Rodgers e Guthrie que interpretaba imitando moi afectadamente a voz dos vellos cantantes nos discos folk.
Mentres abría a maleta onde levaba a miña nova gravadora de bobinas e preparaba todo, aquel tipo non deixaba de preguntar por cada cousa que eu facía. Ademais de curioso, e malia a chispa do viño, amosouse moi educado, agradable e comedido, tanto comigo como coas rapazas, coas que non deixou de bromear á vez que tocaba e cantaba as cancións durante a hora que estivemos a gravar. Tocou unha ducia delas, cunha voz que era certo que lembraba á que se podía escoitar nos vellos discos. Eu non coñecía ningunha delas, o meu era Little Richard e Elvis, pero el parecía telas interiorizado de tal xeito que era capaz, como digo, de falar, facer chistes, ou meter na rima incluso cousas que estaban a pasar nese intre na habitación. Diante do meu asombro, as rapazas explicáronme que Bobby nunca repetía igual a mesma canción, non importaba cantas veces a cantara.
Cando acabamos recollín o material e comprometinme a pasarlle unha copia que el pensaba, segundo dixo, facer chegar a algunha casa de discos. Fiquei naquel apartamento o resto da tarde na compaña daquela xente tan agradable. Eu só tiña 15 anos e non era sinxelo que os universitarios se fixaran en ti, e moito menos que tiveran a ben compartir o seu viño e a súa conversa contigo. Cando me fun, prometinlles que iría ver unha das súas actuacións, e tiña intención de facelo, pero non o fixen.
Aquela foi a primeira e a derradeira vez que estiven con Dylan. Nunca lle pasei unha copia, non pensei que importara. Pouco tempo despois vin un cartel anunciando a saída dun disco del, o primeiro dunha boa serie en realidade. A Bonnie vina dez anos máis tarde en Woodstock, formando parte da “Please Force”, o equipo de seguridade menos seguro que xamais teña vixiado concerto algún. Coido que formaba parte dunha comuna ou algo así. A Cindy si que a vin algunha vez máis por Minneapolis antes de que voltara a Hibbing. Oín dicir que casara alí cun tipo que tiña un bar.
(45 anos máis tarde, Cleve Petterson entregou á Minnesota Historical Society a cinta coas 12 cancións gravadas por Dylan aquela tarde. Pódense escoitar os seus chistes, as risas das rapazas e os comentarios de Petterson, pero como a cinta non se poder copiar, hai que facelo in situ, así que imos ter que ir aló para escoitalas. Seguro que alguén pensa que Petterson puido facer un bo negocio vendendo a cinta, e posiblemente sexa certo, mais semella que non quixo traizoar a aquel tipo amable e simpático que lle deu de beber do seu viño a cambio de que lle axudara a gravar unha manchea de cancións.)