Dylan portada a portada: un abrigo moi usado
Blonde on Blonde (maio do 1966) Quinta portada de Dylan en dous anos. Repítese o modelo dos anteriores: BD aparece serio, con faciana de poucos amigos, rostro pétreo, reconcentrado e lixeiramente ameazante (qué carallo miras, rapaz?). Mítico abrigo de pel de dobre abotoadura, mítica bufanda de chevió, mítico pelo revolto. Este será o aspecto dos progres de pró até os tempos do armagedón. Non importa o tempo que pase nin o variado das circunstancias: sempre aparecerá por Santiago un novato con ese uniforme. 
Dylan aparece no que semella unha esqueira contraincendios, nun contorno urbano, nunha foto que recolle un plano americano do artista, lixeiramente desenfocado, como respondendo a esa introspección na que parece estar e que tan produtiva resultou.
John Wesley Harding (decembro do 1967) Por fin un sorriso! Ben, pode que sexa que lle molesta a luz, pero polo menos xa non semella enfadado co mundo. E eu, como o quero ben, alédome de velo así, coido que na súa casa de Woodstock, rodeado de amigos, nun día soleado e cunha barbiña máis ben pobre, de home novo a medio afeitar. Os tipos que están con el son dous músicos indios que acababa de coñecer aquel día e o vello de atrás din que era un carpinteiro que estaba a facer uns arranxos na casa. 
Entre esta portada e a anterior media un mundo, polo menos aparentemente. Din que o Accidente de Moto transformou ao home, inda que as haxiografías máis modernas xa lle van sacando ferro ao asunto: Dylan había tempo que vivía en Woodstock (un ou dous anos en tempo dylanita equivale a unha era xeolóxica completa), que estaba casado, que era pai. Blonde on Blonde xa fora gravado en Nashville, como o será este e os seguintes. Na súa autobiografía só recoñece unhas enormes ansias por separse da xente e do seu mito, e en declaracións coevas co LP só recoñece un certo cambio no xeito de escribir, xa que afirma que o que oímos no disco non é máis ca un borrador sinxelo ao que lle faltarían o 90% dos arranxos, que estarían na liña dos anteriores discos.
Se até leva posto o mesmo abrigo que en Blonde on Blonde!