+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

O po na agulla

Se fas que lle tiras un pao a un can para que o vaia recoller, é moi posible que este bote a correr tras do pao imaxinario sen dubidalo nin un intre. Mais non debemos pensar que o can é imbecil. Semella que hai unha parte do seu cerebro capaz de anticipar o que vai pasar a partir de certos sinais (un aceno, un movemento, unha situación, un momento) que poden anunciar qué vai pasar. Esa parte do cerebro envía a información case inmediatamente á outra parte, que é a que está conectada directamente á vista e que por tanto é a que ve o que está a suceder (que non hai pao). De todo esto resulta que o cerebro engánase a sí mesmo, facendo “ver” ao can un pao que nunca existiu. Isto, que parece unha putada, un erro biolóxico, non o é, xa que nunha porcentaxe elevadísima de veces o pao existe e é lanzado, co que esa anticipación permítelle ao can chegar antes, o que aplicado a situacións de risco podería significar para o animal a diferencia entre a vida e a morte.

O home, como especie, tamén ten esa capacidade de anticipación, de “ver” antes de que a visión suceda, algo que os magos levan aproveitando desde o principio dos tempos e que agora acaba de ser demostrado científicamente, tal como leín onte no periódico.

Eu xa dixen aquí máis dunha vez que moitas veces semella que escoito as cancións de BD de dentro a fóra, que semella que os sons non están fóra, senón dentro de mín e que son quen de escoitar esas cancións antes de que soen. Valaiquí a explicación. Non había alucinación nin, desgrazadamente, poesía na percepción. Son como o can que, de tanto tirarlle paos, acaba por “ver” o pao saíndo da man antes de que saia realmente. Parece ser que cando quito un disco de Dylan da funda, o poño no prato e oio o grgrgrgrgr do po na agulla, esa parte do cerebro que anticipa xa lle envía á que escoita a música, o son, o timbre desa voz antes de que comeze a soar. Gustábame máis cando pensaba que era mística, mais non está mal saber que, dalgún xeito, é certo que esas cancións están dentro de mín.

Penso tamén que isa pode ser a razón pola que algúns discos ou cancións nos parecen mellores ca outros: canto máis se aproximen ao son que somos capaces de anticipar, máis agradable será a escoita. Supoño que ao igual que o can agradecerá que se lle tire o pao realmente, é dicir, que pase realmente o que é capaz de anticipar, a nós tamén nos agradará máis que a canción de Dylan que imos a escoitar por vez primeira sexa o máis semellante posible ao que xa estamos a oír antes de que soe. Mario dixo nalgún comentario que Modern Times non lle entraba pola orella (a mín tampouco, mais non me preocupa nin lle insisto: hai moito Dylan que escoitar), mentres Colodroni dicía que a el non lle tiña que entrar pola orella nin por ningunha outra parte. É posible que o que Mario ou eu anticipamos non corresponda co son dese disco, mentres que o de Colodroni sí.

De tódolos xeitos Workingman Blues #2 é impresionante. Será que Dylan tamén a anticipou?

Leave a Reply »»