Dicionario (IV)
Dylanoteca s. f. 1 Local onde se ten un número considerable de discos de Dylan ordenados para a súa escoita. 2 Conxunto destes discos. 3 Obra na que se dá conta dos discos editados por Dylan.
v. rato de dylanoteca*
Dylanoterapia s. f. med. 1 Terapia ocupacional na que o paciente é inducido a escoitar discos de Dylan. 2 Tratemento da dylancolía e outras doenzas mentais mediante o emprego da música de Dylan.
Dylanotrofia 1 s. f. pat. Debilitamento ou atordamento da facultade de escoitar nada que non sexa Dylan debido á falta de actividade, unha deficiente nutrición, unha enfermidade, etc 2 s. f. fisiol. Involución filoxenética do oído interno que incapacita para escoitar certas frecuencias sonoras fóra do rexistro vocal de Dylan. || Dexenerativa. A que vai acompañada dun proceso destrutor imparable. || Senil. A que se desenvolve cando o individuo chega a unha idade á que un xa non está para certas tonterías nin para perder o tempo escoitando sabe deus qué.
*Rato de dylanoteca fig. Erudito que decote escudriña nos discos de Dylan. Tómase polo común en sentido pexorativo.**
** Para mín que non mire nin dios.