+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Lasciate ogni speranza, voi ch’entrate

Hoxe hai un mes que naceu +Dylan, ou mellor, que puxemos o primeiro pos. E van 23 co que ledes, o que non está nada mal (o que está mal e que o diga eu) se temos en conta que debemos ter o blo máis limitadiño da blogosfera e do blogomillo xuntos, o que quera que sexan ámbalas dúas cousas. Pero Dylan é Dylan, e inda renunciando ás novas que produce a cotío (iso deixámosllo a xente máis ao día como Minoic ou Expecting Rain), se nos centramos só nas nosas miserables reflexións e argallamos un pouco entre as neuronas sempre atopamos algo que compartir.

Ademais dá igual. Seremos só catro (e non é un xeito de falar, somos catro) mais amosamos unha facilidade envexable para facer amigos. Así, un bo día coñecimos a Mike Knezovich, o camioneiro de Lincoln; outro día tomamos un café con David Zimmerman; outro aprendimos uns acordes co gran Happy Traum (lembrades?); e agora cando pasamos por Hibbing nunca esquecemos pasar polos tupper da Sra. Zimmerman no 2425 de Bob Dylan Drive (non están nada mal as croquetas).

E todos estes amigos fixéronnos profundar máis no noso dylanismo, á vez que soupemos que, por exemplo, Calamaro (coma outros moitos, coma nós mesmos na ducha ou no coche) non é máis ca un dylántropo que cando o planeta Dylan asoma polo horizonte fai saltar os dylanómetros coa súa dylancolía polos vellos tempos nos que os dylanosauros dominaban a terra. E tamén aprendimos que… Que cojones! Tamén aprendimos que somos dylanitas e dylanianos até o cerne;que xa o sabiamos, pero que presta dicilo en alta voz; que non somos quen de decidir, un día son uns e ao seguinte outros, cal é o noso disco ou canción favorita; que Dylan agochou unha xoia única para cada un de nós en calquera rincón de calquera canción de calquera disco; que poderíamos chuchar até a derradeira gota de sangue que Dylan teña deixado nos sulcos; que non necesitamos poñer un disco seu para escoitar as súas cancións… Que Dylan é o máximo, que estamos atrapados, qué coño.

 Levamos un mes e non sei até cando durará esta leda aventura pola rede. Mais coidado, irmáns en Dylan, que se algún día asomades por este rincón e comprobades que voóu a maxia, este Chiquito que agora me posúe seguira aboiando no vento e, cando máis despistados esteades, aproveitará para tomar algún dos vosos espíritos. Se iso chegara a suceder, non vos resistades, dá igual o que fagades, porque este can, cando traba, non solta. 

Agárdovos. Boas noites.

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image