Dylan portada a portada: negro, vermello e azul
Bringing It All Back Home (marzo de 1965) Velaiquí o que Albert Grossman fitaba pola mira da porta. E que facía o bo de Grossman espiando? É que a muller de vermello co pitillo postcoital (ou precoital?) é a súa propiamente dita. Semella que Dylan non lle presta moita atención, semella entretido entre discos de Robert Johnson e libros de arte (leíno un día, eu non dou distinguido o que ten entre mans). Era Dylan entón un cultureta que desprezaba os praceres que van entre o precoital e o postcoital? Ou disimulaba sabedor de que o seu mánaller de entón aparecería en calquera momento? 
O careto de BD segue desmellorado, a Sra. Grossman lembra a unha Morticia (in?)satisfeita e a foto en xeral ten un ar surrealista, como de sono, que a mín, malia o mítico da portada, non me gusta nada. Hai como un horror vacui de cores e obxectos que só a sobria tipografía en vermello e azul pode salvar.
Por se non vos decatárades, esta é a primeira portada de Dylan na que non aparece a lista das cancións nela, o que supuxo unha novidade para a Columbia e coido que para a industria do disco en xeral. Fora unha idea de Dylan ou non, aí vai o dato.
Highway 61 Revisited (agosto do 1965) “Sra. Zimmerman”, dixo Abby en canto abriu o paquete que o seu fillo, como era costume, lles enviara desde NI co seu novo disco. “Sra. Zimmerman, non busque máis. Coido que a blusa que mercou para a voda da súa prima Ruth en NI ficou alí, na casa do seu fillo”. Hai que ter valor para poñer unha camisa así. Claro, era o estilismo da época, pero o valor non llo saca ninguén. 
Outra foto mítica. Dylan segue serio, moi serio, non o volvimos ver sorrir desde que paseaba pola 4th Street coa Rotolo. Ao mellor é que parir cancións como as que estaba a parir doe. As cores dominantes seguen a ser as mesmas que na anterior portada, negro, azul e vermello, inda que en distintas proporcións. A man de Dylan amosa, ademais das súas míticas gafas de cego, unhas unllas longas de guitarrista. Un detalle da foto recollendo esa man podería servir como imaxe de marca universalmente recoñecida, coma os morros dos Stones, sen dúbida. Por outra banda, non sabemos quen é o tipo de atrás que leva a cámara colgando e o xersei de raias, pero estou seguro de que unha morea de fotógrafos novaiorquinos ligaron a mazo tirándose o moco.
(Continuará)