+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

O Long Play da semana (IV): Street Legal

Se digo que as nove cancións de Street Legal foron gravadas por BD nun estudo móbil, en só catro días, en tomas completas con todos os músicos tocando á vez e que o produtor nin tan sequera estivo presente mentres se rexistraban algunhas das cancións, xa non necesitarei dicir que estamos diante dun dos meus discos preferidos. En realidade, máis ca un disco é O Disco para mín. Tróuxoo meu irmán de Mallorca cando foi alí de viaxe de estudos (por que lle chaman así se ninguén estuda nesas viaxes?) xusto cando eu espertaba ao dylanismo. E claro, pasou o que tiña que pasar.

 ”Sixteen years”, di Dylan. “Sixteen years”, contestan Helena Springs, Carolyn Dennis (”There’s an iron cross still hanging up around her neck” ) e Jo Ann Harris nada máis comezar o LP. BD cambiara a Emmilou Harris por un coro gospel, os violíns e os acordeóns por poderosos metais. A música perdera toda pegada campestre e hippie até o punto de que case se poden escoitar de fondo as sereas da policía do centro da cidade. Claro que eu iso inda non o sabía, porque acababa de nacer a Dylan.

El tamén acababa de nacer. O ano anterior divorciárase da súa muller, Elvis morrera e a súa conversión ao cristianismo era só cuestión de semanas, senón de días. Vivía a crise dos 40 con 37 anos, el sempre dylante, incluso de sí mesmo. Outro sinal de renacemento foi a xira coa que abriu o ano, onde a Rolling Thunder Revue deu paso a un espectáculo de luz e son máis propio das Vegas que dunha banda de rock. A sombra de Elvis era alongada e mesmo dous ou tres membros da banda foran músicos do de Tupelo na súa ultima etapa na cidade dos casinos. A eles non lles debía estrañar o feito de tocar de uniforme, pero outros dos músicos, especialmente aqueles que acompañaran a BD na RTR e que esperaban participar nunha especie de reedición daqueles concertos (e que non o coñecían?) desertaron ben durante a xira por Xapón e Australia ou despois, no estudo mentres gravaban Street Legal

As cancións eran boas, cando non moi boas. As letras, inda que totalmente crípticas, deixaban ver cunha honestidade brutal a un home perdido, buscando algo que non daba atopado, algo que non sabía se perdera ou se inda non o atopara. A música era dura, cortante, sen concesións, deixando sempre a BD no primeiro plano, como a mín me gusta.

Changing of the Guards, inzada de referencias ao tarot, á maxia e á adivinación, abría o disco e presentaba, letra e música, o que BD era naquel momento. New Pony, un impresionante blues insistía nas mesmas cuestións; No Time to Think precedía a Baby, Please Stop Crying, unha das mellores cancións de Dylan, franquicia, que pechaba a primeira cara. Is Your Love in Vain, unha fermosa canción de amor e unha das miñas preferidas de todos os tempos (”Are you willing to risk it all or is your love in vain?”); Señor, unha balada que amosa a un home nun cruce de camiños, espido, entregado, esperando un sinal que lle diga por onde seguir; True Love Tends To Forget, outra das miñas favoritas de todos os tempos, cun solo de guitarra que rompe a agulla e unha letra indescritiblemente indescritible; We Better Talk This Over e, última mais sen dúbida non a peor (aquí hainas mellores, mais non peores), Where are You Tonight, que ule a puta de Lousiana (digo eu que así deben ulir, que non me vou a tirar agora o moco de telas probado), e é así que vemos que Dylan buscaba onde fora. É unha canción poderosísima  cos coros desatados, guitarra afiada e Dylan facendo anacos o dylanómetro de puro dylaniano. Póñome nervoso de lembrala. “There’s a long distance train, rollin’ through the rain, tears on the letters I write”. É imposible comezar mellor unha canción, imposible. E como acaba? Así:

“If you don’t believe there’s a price, for this sweet paradise, just remind me to show you the scars. There’s a new day at dawn and I’ve finally arrived. If I’m there in the morning baby, you’ll know I’ve survived. I can’t believe it, I can’t believe I’m alive, but without you it just doesn’t  seem right. Oh, where are you tonight?

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image