Good bye, Hibbing
Mañá marcho á universidade e deixo Hibbing. E teño ganas. Non é que me fora mal neste pobo, mais xa nada me queda por facer nel. Vivo aquí desde que a miña familia se mudou despois da Gran Guerra, sendo eu inda un neno. Recorrín todas as súas rúas, merquei en
todas as súas tendas, emborracheime nos seus bares, biquei á media ducia de rapazas que pagaba a pena bicar, agochados nos portais. A algunha delas biqueina até o máis fondo. Teño amigos, non moitos, pero téñoos e bos. Fun o líder dos Golden Chords, The Shadow Blasters, Elston Gunn, The Rock Boppers… No auditorio do meu instituto toquei por vez primeira en público e dubido moito que nin sequera Little Richard teña actuado nun lugar tan grande e de tanta categoría. Ten 1800 asentos e foi construído en 1923 seguindo o deseño do vello Capitol Theatre de Broadway, cun impresionante escenario iluminado por lámpadas de cristal de Bohemia, importadas directamente de Checoslovaquia, así que penso que ningún escenario me intimidará xamais.
Pero agora sinto que todo rematou, que estou sentado no bordo do meu pequeno mundo e que non queda máis que erguerse e botar a andar. Sinto que para min Hibbing non ten máis futuro que pasado e pasado ten ben pouco. Todos os nenos de Hibbing sabemos que este pobo foi fundado por Franz Dietrich von Ahlen, máis coñecido por Frank Hibbing, un alemán que despois de pór en pé un emporio mineiro en Duluth, construíu un poboado no 1893 a carón da meirande explotación de ferro a ceo aberto coñecida no mundo (din que a terra sacada dese furado equivale a que se sacaría dun pequeno túnel que nos levara desde aquí aos antípodas a través do centro do mundo). Ese pobo recibiu o nome da súa nai, Hibbing, e inda que nunca chegou a vivir nel, ocupouse de que non faltara de nada. Se o penso ben, este pobo é case do tempo do meu pai! Inda por riba, no 1919 cambiaron o pobo de sitio (en realidade inda o están a cambiar hoxe), co que sinto que vivo sobre areas movedizas, sobre unha árbore pouco arraigada. Suponse que o debo estar eu?
Mañá cedo, cando todos estean durmindo, sairé da miña casa no 2425 da 7th Av. East e camiñarei até a estación de buses. Alí tomarei o Greyhound para Minnesota.
Outra das cousas que todos os nenos de Hibbing sabemos: a compañía de transporte máis grande do noso país foi fundada xusto aquí, neste pobo, así que saír del nun deses buses non debe ser calquera cousa. Non mirarei para atrás. Coido que non botarei de menos nada nin a ninguén e que ninguén me botará de menos a min. O meu amor, Echo Helstrom, díxome unha vez que algún día a rúa onde vivo levará o meu nome. Só agardo que non.