Dylan portada a portada: as cousas cambian
The Times They are a-changin’ (febreiro do 1964) Os tempos cambiaban, sí señor. Non hai máis que ver esta portada e comparala coa de dous anos antes para decatarmonos diso. Xa non hai gorra, xa non hai canadiense, xa non hai guitarra. Xa non
hai un pipiolo con cara de pipiolo. Na súa vez temos un tipo con cara de enfermo, trazos angulosos, pelo descoidado e unha camisa dous talles máis grandes do necesario (ou era o tipo dous talles máis pequeno do debido?). O branco e negro e unha luz moi contrastada inda acentúan máis a sensación de dureza, soidade, dor e desarraigamento. É unha foto moi boa, quizais excesivamente dura, sen dúbida o máis duro retrato que Dylan puxo xamais nunha portada.
Onde ían os tupperwares con croquetas e albóndegas? Que pensaría a Sra. Zimmerman do aspecto do seu fillo? Desde logo que non era tranquilizador.
- Abby, quita o coche do garaxe. Imos a Nova Iorque.
O vello de Dylan nin se atrevería a discutirlle a orde. O seu fillo xa tiña case 23 anos e había cinco que deixara o fogar, mais nai non hai máis ca unha (e menos mal!)
Another Side of Bob Dylan (agosto do 1964) A Sra. Zimmerman chegou a Nova
Iorque, viu e venceu… case. Velaí o Dylan feito un pincel depois de visitar as tendas da 5ª avenida coa súa nai. Primeiro, deixara á Rotolo e logo empatara cunha modelo, xudea de pata negra, se se me permite a contradictio, comida kosher para a Sra. Zimmerman, se se me permite a grosería. Mais a cara de Dylan seguía a amosar unha inquedanza, un malestar e, por que non dicilo, un estado físico desmellorado. As drogas? O alcohol? Semella agardar algo, parado na rúa, fitando algo ao final da mesma sen que pareza que saiba o que é. A pose transmite tranquilidade, ao contrario que a cara. O sorriso “desinhibido” desaparecera e tardará en voltar. A foto é tamén en branco e negro, pero non é tan boa como a da portada anterior, non está tan contrastada, inda que o marco branco dalle un certo ar, resáltaa.
(Continuará)