+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Dylan, portada a portada: os tupperwares da Sra. Zimmerman

Bob Dylan (marzo do 1962) Así se presenta Dylan en sociedade. Abrigo con “borreguillo”, unha canadiense, que dicíamos hai anos, gorra de feltro de mariñeiro colocada alí arriba e guitarra acústica ao fronte, agarrada coas dúas mans, todo compromiso. Vemos que o xesto dos beizos sacados para fóra resaltando un lixeiro prognatismo non é unha cousa pasaxeira nin tic de vello: marca da casa. Tiña 20 anos, un pipiolo con cara de pipiolo. Vese ben criado, seguro que a Sra. Zimmerman tiña dominado o tráfico de tupperwares con croquetas e albóndegas Hibbing-Village. Que non? Unha nai é unha nai. E no barrio:

 -Sra. Zimmerman, que guapo sae o seu fillo na portada do seu disco!

E a Sra. Zimmerman alí fachendeando de fillo ben criado

- Moitas grazas, Sra. Knezovich

E non só estaba ben alimentado, tamén saía abrigadiño. Por suposto que o do disco era o de menos. Porque non vos enganedes, que cando Armstrong batía o record na subida ao Alpe-du-Huez e chamaba á súa nai, que credes, que o felicitaba? Non, non. Dicíalle “abrígate ben, que iso está moi alto e vas coller un resfriado, que xa sabes que ti e o teu pai enseguida vos poñedes malos”. É un feito.

The Freewheelin’ Bob Dylan (maio do 1963) Aí está Dylan, desinhibido. Unha foto mítica, moi moi chula: a pesar de que sabemos que vai frío pola chaqueta do cantante e o abrigo da Rotolo, polas lapelas erguidas e o xeito no que ámbolos dous se achegan un ao outro, a foto transmite calor, tamén pola chaqueta do cantante e o abrigo da Rotolo, polas lapelas erguidas e o xeito no que ámbolos dous se achegan un ao outro. Tamén axudan os tons cálidos. É unha fotaza. A 4th street, a DKV e as esqueiras contraincendios contra o encendido ceo neoiorquino.

Se ben é certo que o rapaz semellaba ledo e en bo estado, para a Sra. Zimmerman a clave desta foto era a lurpia loira que se agarraba ao seu fillo coma unha lapa.

- Ti ves, Abby (Abraham, o pai de Dylan)? Ti ves esa loira? E seguro que non é xudea. Bobby, Bobby…

E Abby, co disco na man, co aceno grave, pensando, “carallo para o Bobby… Non está boa a rapaza… E seguro que non é xudea!”

- Xa estás chamando ao teu fillo… Que dirá agora a Sra. Knezovich…

 

Remata a Sra. Zimmerman sacándolle o disco das mans ao seu home de malas maneiras para ollar unha vez máis a mítica escena.

(Continuará)

Leave a Reply »»