+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

O Long Play da semana (III): Bringing It All Back Home

En tres días de xaneiro do 1965 Dylan gravou 15 ou 16 cancións das que 2 meses máis tarde serían publicadas 10 no LP Bringing it All Back Home (BIABH). A estas sumaríase Mr. Tambourine Man, gravada nas sesións de  Another Side of BD, publicado en agosto do ano anterior. O sistema de gravación de Dylan, o de sempre: Maggie’s Farm, por exemplo, gravouse nunha soa toma e de Bob Dylan’s 115th Dream publicouse unha toma falsa que incluía as gargalladas dos músicos diante dun erro de Dylan. En realidade BIABH é un grandes éxitos encuberto: Subterranean Homesick Blues, She Belongs To Me, Maggie’s Farm, Love Minus Zero/No Limit, Mr Tambourine Man, It’s All Right, Ma (I’m Only Bleeding), e It’s All Over Now, Baby Blue, sete de 11, foron recollidas correndo o tempo en varios recopilatorios e discos en directo e forman parte do que poideramos chamar a “franquicia BD”. Por dicilo doutro xeito, se enchufamos o dylanómetro rebentámolo.

Xa dixen noutra ocasión que eu son dylanita de segunda xeración, e cando cheguei a este disco foi despois de moito moito escoitar a BD, e o meu coñecemento do animal era grande dabondo como para sorprenderme. Pero non quero nin imaxinar o impacto que debeu supoñer para os contemporáneos: para os folkies porque aquel ruído infernal e aquelas letras incomprensibles debíanlles soar marciano; para os roqueiros, porque aquela voz, aquelas harmonías folkie e aquelas letras incomprensibles debíanlles soar marciano; para o público pop, porque xa se sabe, Love love me do, you know I love you, e aquelas letras incomprensibles debíanlles soar marciano. Había, de todos os xeitos, xente preparada para aquela “ondonada” de música, que inda que non triunfou nas listas de éxitos, acabaría pasando á historia.

É un feito que os Animals xa publicaran a súa versión de The House of the Raising Sun e que, por exemplo, uns canadienses liderados por un tal Robbie Robertson andaban tamén a experimentar o cruce entre rock e folk, pero o de Dylan era outra cousa. O que facía o noso home, inda que partía do folk, xa non o era, e o trazo do surrealismo, do simbolismo, da escritura espontánea e do intimismo apoderábase das súas letras, do espírito do seu cancioneiro, a pasos axigantados. Necesitaba doutras vías de expresión con urxencia. Guthrie e Seeger quedaran xa moi atrás antes de que Dylan enchufara a súa guitarra. E cando presentou neste disco a súa idea do rock, que é nin máis nin menos o que escoltamos en BIABH, unha música sen aditamentos, potente e mesta, tamén fixo saltar polo ar calquera rastro da música para adolescentes que descubriran Elvis, Chuck Berry ou Little Richard dez anos antes. Algúns enterados, como Lennon, non necesitaron escoitalo dúas veces para decatarse de que a música popular acababa de cambiar para sempre.

Para mín, obxectiva e intelectualmente, é o mellor disco de Dylan, por riba de Highway61 Revisited e Blonde on Blonde. Digo obxectiva e intelectualmente porque subxectiva e sentimentalmente o meu Dylan é posterior a isto e o meu disco favorito é outro. Pero teño que recoñecer que canción a canción BIABH é insuperable. As letras de It’s All Right… ou de BD’s 115th… poñen a Dylan á altura dos máis grandes poetas e, desde logo, a anos luz de calquera outro compositor de música popular. Pola súa banda, She Belongs to Me ou Maggie’s Farm marcan o máximo nivel acadado polo rock como as pegadas do Arno marcan nas igrexas de Florencia o nivel das súas maiores enchentes. E por se fora pouco, o disco remataba con It’s All Over Now, Baby Blue, o que agora sabemos que era mentira, porque xusto acababa de comezar. Non sí, Bob?

Leave a Reply »»