+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Un tal David

Lin hoxe sobre o irmán historiador do premio Nobel de literatura deste ano e chamoume a atención sobre todo esa reflexión final cando lle preguntan polo seu irmán e di iso de “cada un ten o seu camiño. Eu non teño veleidades literarias”. Lembra moitísimo ao razoamento do noso amigo Knezovich sobre a súa vida de camioneiro fronte á (suposta) grandeza da do seu antigo veciño Dylan. Un rapaz pensaría que a estes homes o que lles pasa é que “as uvas están verdes”, pero os anos van poñendo as cousas no seu sitio e co tempo sabes que isa é unhas das poucas verdades absolutas da vida.

Pero se traio esa nova a esta blo é porque me lembrou que BD tamén ten un irmán, neste caso menor, chamado David. Non sei moito sobre el (prometo investigar), se acaso que naceu tamén en Duluth, que viviu en Hibbing e que tamén se adicou á música, pero neste caso como mánager e produtor, traballos nos que acadou (hoxe está retirado) un certo éxito en Minnesota e noutros estados do Midwest. E só Minnesota xa ten o dobre de poboación que Galicia, o que quere dicir que o seu éxito foi relativamente grande. Agora que o penso, co dobre de poboación, se esta blo se editara alí, sería posible que ademais de Colodroni, R. R. e Mario tivera outros tres lectores máis. Se xa me motiva e emociona escribir para tres persoas, para seis non o quero nin pensar. Trémenme as pernas.

Á marxe dese éxito na súa “patria chica”, David Zimmerman xustifica a súa existencia entre nós por ser o factótum e máximo responsable de Blood on the Tracks. É unha historia que precisaría dun pos deses do LP da semana, mais como non sabemos se chegaremos alí, mellor adiantar inda que sexa un pequeno resumo. No ano 74, despois de gravar en NY o álbum, Dylan apareceu pesaroso por Minnesota. A súa muller quería a toda costa recuperar o seu apelido de solteira e botárao da casa, Para colmo, o disco non lle quedara como quería. A saída máis sinxela para un home que se enfronta a tales problemas é agocharse na casa da súa nai e iso foi o que fixo BD. Alí atopou ao seu mellor aliado, o seu irmán. A cuestión é que nas poucas ocasións que David é nomeado na literatura sobre Dylan, aparece sempre unha sombra de sospeita sobre unha posible fría, se non directamente mala, relación entre os dous irmáns. Se iso é certo, aquí deberíamos imaxinar á vella, Rut, mediando entre eles e pedíndolle ao seu fillo pequeno que lle botara unha man ao grande. Literaturizando, que é o que nos gusta facer nesta blo, podemos ver a Dylan e a David sentados na súa vella habitación en Hibbing, coas súas pequenas camas e os posters de Elvis e Little Richard inda nas paredes, escoitando as cintas gravadas en NY, en silencio, mentres a súa nai, na cociña, lles preparaba algo de comida kosher, por dicir algo. “Tranquilo, joder, isto arranxámolo”, diría David e Dylan, superado, aceptaría a axuda do seu irmán pequeno.

Consciente David de que o que seu irmán necesitaba naquel momento era rodearse de amigos, dun ambiente familiar, non dubidou en contratar un coqueto estudo en Minneapolis e en chamar a músicos da súa total confianza, incluídos un guitarrista semiretirado e un batería semiprofesional. Non sei que pensaría Dylan cando se víu naquela, pero o certo é que se regravaron pistas de prácticamente todas as cancións e que a lo menos cinco delas, as principais, como Tangled Up in Blue ou If You See Her, Say Hello, foron voltas a gravar de cero. E todo se fixo baixo a atenta mirada de David, co que BD compartiu a responsabilidade do son e dos arranxos, outra vez, de novo, sen produtor. Esta claro que a Dylan, cando o soltan entre amigos mellora bastante. E cando non lle dan moito tempo, inda máis, porque hai que dicir que mentres os dous irmáns parían un dos mellores discos da historia do rock, a Columbia xa tiña feitas varios millóns de portadas e de carteis promocionais, é dicir, que traballaban contra o reloxo.

Cando saíu o disco, que algúns saudaron cun “Dylan volve ao Village” cando a realidade é que onde volvera era a súa casa en Minnesota, que listos son os críticos, David considerou o seu traballo rematado. Pouco lle importaría que o disco fora unha obra mestra ou non. O caso era que o seu irmán estaba contento e a súa nai tamén e xa podía volver á súa vida normal. Por outra banda, as obras mestras do seu irmán e que fora un xenio, o mellor do mundo e todo iso, a el non lle importaba moito: era o seu irmán maior e iso é ao máximo ao que pode aspirar calquera ser humano, co que calquera outra cousa que Dylan poidera acadar na vida, para David representaría sempre ben pouco. Por exemplo, cando Dylan gañe o Nobel (sexa antes ou despois de Ferrín) David pensará: “Pois vaia. A boas horas. Se me tiveran preguntado a min… Por certo… que premio dis que é?”

Leave a Reply »»