+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Long Play da semana (II): Greatest Hits, vol. II

Setembro de 1971. Remata o verán e estamos no apartamento do guitarrista e cantante Happy Traum en Manhattan, preto dos estudos da CBS. Soa o teléfono. “Hi, man. This is Bob Dylan“. A precisión é innecesaria. Happy é amigo de BD desde os tempos do Village e coñece a súa voz á perfección. Pola conversa intuímos que Dylan está a preparar un disco recopilatorio e que pretende completar o repertorio con catro cancións que, escritas hai algún tempo para outros, nunca se publicaron coa súa voz. Hai que entrar no estudo xa, porque o resto do traballo xa está feito e só agardan a que BD entregue o novo material. Non hai problema. Happy sempre está dispoñible para o seu amigo, así que en canto a CBS lles ceda un estudo, entrarán a gravar.

O día 24 dese mes, xusto despois de medio día, entramos no edificio da Columbia. No estudo B vemos unha ducia de guitarras, algún baixo, un banjo. Saudamos ao técnico de son. Dylan, unha vez máis e moi afortunadamente, rexeitou a presenza dun produtor. Está cun amigo e non o necesitan. Sento nunha esquina, calado coma un peto e sen perder detalle. Como Happy Traum coñece as cancións como se as escribira el mesmo, entran a saco. Afinan, un par de bromas e atacan I shall be released con dúas guitarras e a harmónica de Dylan. Estribillo a dúo. Happy é tan dylaniano que resulta difícil distinguir a voz de cada cal. A canción comeza cun turnaround, como se viñera de moi lonxe, como se estivera xa soando no ar cando entramos no estudo e a colleran xa comezada. Acaban a primeira toma e pídenlle escoitala ao técnico. Perfecta. Á primeira. É dicir, que o que imos escoitar no disco vai ser a única toma existente desa canción, un momento irrepetible. O técnico xa ten algo que contar aos netos.

Despois pasan a Down in the Flood. Happy extraviou a súa púa. Achégolla con coidado, déixoa á súa vista e el recóllea sen decatarse da miña presencia. Outra vez dúas guitarras e a harmónica, pero esta vez sen dúo vocal. Happy non se atreve a cantar cando ve que a voz de Dylan abonda e sobra para expresar todo o sentemento apocalíptico que encerra esta canción. Ben, vale, a voz e a harmónica. A canción é unha auténtica marabilla, música e letra, sen dúbida unha das súas obras mestras. Outras tres o catro tomas se necesitan para gravar You ain’t Goin’ Nowhere. Na escollida para o disco soa o banjo do amigo Happy dando o contrapunto á guitarra de Dylan. É unha canción decididamente leda e todos cabeceamos ao seu ritmo. A tarde morre e inda teñen que gravar Only a Hobo, tal e como BD apalabrou coa xente da discográfica. A estas alturas xa teño durmido o cu, pero quen coño vai saír do estudo até que isto remate? Téntano coa canción nun par de ocasións, pero semella que xa gastaron a maxia do día e inda que Dylan, cansado, dá por boa unha das tomas, Happy pensa que non ten calidade suficiente como para compartir suco con Lay, Lady, Lay ou Maggie’s Farm. Se Happy o di… Esta canción non entra no recopilatorio. O caso é que para a hora de cear, o estudo xa está recollido e os dous amigos pérdense polas rúas de New York. Despídense de min. Boas noites. Nunha sóa tarde gravaron tres obras mestras. Alí vai o meu Dylan.

Estas tres cancións pechan o disco dobre de grandes éxitos e convirten a súa escoita nunha experiencia inesquecible. Van precedidas doutra peza mestra gravada seis meses antes e tampouco publicada até entón: When I Paint My Masterpiece. É un tempo medio, levado por dereito, unha xoia que presenta na última estrofa unha das pouquísimas modulacións da harmonia na discografía dylaniana (eu agora mesmo non lembro outra, o que tampouco quere dicir nada). En canto a letra, pode que sexa cuspe para aqueles que cren que Dylan xa o fixo todo no bienio 1964-66, ou un aviso para aqueles que inda non caeron na conta do que teñen diante. Para mín que se trata máis ben da expresión máis perfecta do dylaniano sentemento de insatisfacción, de busca repetida dunha saída, de novos camiños. Ou tal vez intuía que nun ano asinaría para Peckinpah Knocking on Heaven’s Door e, xa de paso, deixandose levar pola inercia, que marcharía de xira por última vez con The Band, que gravaría Blood on the Tracks, que inventaría a Rolling Thunder Revue… Mete medo. A verdade é que dá vertixe só de pensalo.

O resto do disco son obras mestras unha tras doutra. Falamos de nada máis e nada menos que de 21 cancións imprescindibles e irrepetibles, o que non está nada mal tendo en conta que BD só contaba daquela 30 anos, que só levaba 9 no negocio (acababa de comezar), que publicara 11 discos (un deles dobre) e que só catro anos antes publicara xa un recopilatorio con outras 10 obras mestras (mestrísimas?). En fin, non me gusta repetirme pero… 

One Response to Long Play da semana (II): Greatest Hits, vol. II »»


Comments

  1. Comentario by dylangz | 2006/11/03 at 00:10:31

    Chiquito, ós seus pés unha vez máis.


Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image