+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Os números (tamén) cantan

Remata o mes de outubro, un mes no que BD fixo 15 concertos en 13 cidades distintas (vai facer, inda actúa hoxe no Kohl Center de Madison, Wisconsin, ás sete e media, que serán as dúas e media en Canido, por exemplo) . En realidade os 15 concertos deunos só desde o día 11, xa que levaba case medio mes de vacacións, que xa lle vale. Dar estes concertos supón facer uns 7000 km en 20 días a través de máis de 12 estados e, como curiosidade, adiantar a hora do reló 3 veces (e atrasala unha máis, xa que o domingo de madrugada tocou cambio de hora tamén en Chicago). Non está mal para un pergameo.

Ademais, a meirande parte dos desprazamentos fíxoos por estrada, se non todos, xa que sen coñecer o dato, sí sei que Dylan gusta de moverse en dous autobuses cos seus músicos, técnicos, asistentes (ten un luthier persoal) e as súas familias, todo moi Rolling Thunder Revue (RTR).

Nestes 14 concertos (sen contar o de hoxe, repito) tocou 59 cancións distintas, un repertorio amplísimo, creo lembrar que superior ao manexado na citada RTR. Algunhas delas só as tocou unha vez (Leopard-Skin Pill-Box Hat, Things Have Changed ou Every Grain of Sand, entre elas), mais outras en todos os concertos (Like a Rolling Stone, All Along the Watchtower) ou case en todos (Highway61 e Thunder on the Mountain tocounas en 13 deses 14 concertos).

Contra o que alguén puidera pensar, os concertos non se basean nas súas vellas cancións. De feito, un tercio das 59 escollidas foron escritas e/ou gravadas só nos últimos 11 anos dos 44 de carreira que leva ás costas. Son 18 das cancións interpretadas e, por se houbera dúbidas, 6 pertencen ademais ao seu último disco. Pode parecer normal, pero non temos máis que repasar os repertorios doutros grandes dinosauros do pop-rock (e non tan dinosauros) para decatarmos de que estamos diante dun artista a lo menos peculiar. Hai que engadir que estas cancións novas non ocupan un lugar menor nos concertos: Summer Days, Workingman Blues, Rollin’ and Tumblin’, Thunder on the Mountain foron interpretadas en 10 ou máis ocasións; When the Deal Goes Down en 9 e Tweedle Dee & Tweedle Dum en 7.

Pode haber quen pense que BD se durmiu nos loureiros, mais os números cantan, inda que non tanto como Dylan. E inda se se durmira nos loureiros, que un home coma este de 65 anos esqueza sacarse a coroa algunha vez que outra cando toquea no autobús, coas palizas que se dá, digo eu que se lle podería perdoar.

E por non perder o custume, ás dúas e media, se estades no bareto dalgún amigo, pedídelle que poña algo de BD. Ao mellor coincide e facemos soar a mesma canción aquí e en Wisconsin, que mira que está lonxe.

One Response to Os números (tamén) cantan »»


Comments

  1. Comentario by dylangz | 2006/11/01 at 23:15:20

    Señor Chiquito de la Highway 61:

    Cada día teño máis ganas de entrar neste blog e máis medo a facer as miñas aportacións (a falta de tempo tamén axuda). Asegúrolle que non perdo o fío, sería imposible para un dylanófilo confeso coma un servidor. É gorentoso de todo pasarse por aquí e ler o que vostede escribe. Suscribo a proposta de colodroni de promover a súa beatificación, non por gañarlle o ceo senón por ver se facemos un negocio como o de Fátima e invertimos os beneficios en viaxar calquera temporada detrás do gran Bob por tódolos estados da américa do norte nos que se lle dea por agasallar ó personal. Se gaña unha proposta de Rolling Thunder Revue europea, tamén me apunto.

    Señor colodroni: gracias polas súas visitas. tendo un lector asiduo anímome máis a poñer por aquí algunha treidora traducción de canción do gran Bob.

    Saúdos para ambos e para todos os que caian por aquí. Longa vida a Bob.

    R.


Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image