Concerto en Denver do 24
O amigo Lono, de Denver, que non puido asistir ao concerto de Dylan (mecachis) mándame un comentario que saíu na prensa local. Non é moi favorable a BD, pero xa sabemos que hai moitos dylans e nós querémolos a todos.
Sinala Ricardo Baca, o autor do comentario, a utilidade de facer unha lista de pros e contras dilanianos para enfrontar, por unha banda, o misterio do que está a pasar no escenario e, por outra, o fastío que nos asalta ás veces durante os “excesivos solos” de guitarra e teclados. Pros: o tipo do escenario é unha lenda, un xigante; a banda é inmellorable en espírito e estilo. Contras: BD é máis un poeta que un cantante, e agora máis ca nunca; os músicos son magníficos, pero a música e tan simple como poida ser.
Estende as súas conclusións fóra do escenario e di que estas contradicións constitúen o enigma Dylan nestes “modern times“. Os seus discos son moi bos, inda que cre que non tanto como algúns críticos berraron os meses pasados. Se ben recoñece que as letras son dunha calidade enorme e que todos os cantautores e poetas deberían prestar a súa atención a estudalos e asimilalos, afirma que a música vai camiño de converterse na banda sonora dunha peli de vampiros de Tarantino (?).
Na súa opinión o show confunde e aburre. Tira de ironía para dicir que a selección de cancións é “lixeiramente fascinante”, comezando dun tirón con Absolutely Sweet Marie, Señor e Stuck Inside of Mobile… e que BD non dubida en mesturar unha chispeante Things have Changed cunha áspera, plana e irrecoñecible Shooting Star. A xente, di, continúa a emocionarse coa harmónica ou co piano, pero moitos críticos e fans, inda que se resisten como leóns, comezan a dubidar da súa fe a pesar dos esforzos que fan por seguir ao cantante. E un dos grandes problemas é que BD pon moitas dificultades ao público para recoñecer as cancións que están soando, o que en Denver debeu resultar frustrante para a meirande parte do público que abarrotaba a sala, que pasaba sucesivamete do agradecemento ao disgusto.
E xa está. Unha opinión máis. Eso sí, este home tamén está de acordo en que Workingman Blues #2 é unha ledicia, incluso en directo. Estamos diante do nacemento dun clásico?
Saúdos.