+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Eu tamén son Mike Knezovich

Hoxe BD toca ás sete e media da tarde (dúas e media da mañá en Cambados, por exemplo) en Lincoln, Nebraska, no Pershing Center, e coido que inda non conseguín quen me envíe un comentario do concerto (a este ritmo de concertos…). Porén, vouvos contar unha historia desa cidade que penso que vai ser mellor que calquera comentario. Sabedes que quero quitar á luz aos Dylan que todos levamos dentro e esta historia amósanos a un deles.

Mike Knezovich criouse en Hibbing, na mesma rúa que Bob Dylan. Tamén estudou nos mesmos colexios ca el. Non eran amigos, xa que BD era tres anos maior, pero as súas familias tiñan os seus negocios na avenida principal do pobo e tratábanse como bos veciños. De feito Mike lembra como Milan, o seu irmán maior, entrou un día na tenda dos Zimmermann e atopou ao pequeno Robert cos mocos colgando e llos limpiou, literalmente. De feito, Robert, xa Dylan, nunha das súas primeiras entrevistas e celoso como era da súa intimidade, contestou que o seu verdadeiro nome era Milan Knezovich. Non era un vacile, era unha homenaxe.Mike Knezovich (Foto de Jill Peitzmeier)

En 1957, na función de fin de curso, Mike estaba entre o público cando o seu veciño Robert, de 16 anos, saíu á fronte da súa banda vestido cunha camisa rosa e o pelo engominado peiteado para atrás. Golpeaba o piano con furor e saltaba e berraba como o mesmísimo Little Richard. Todos pensaron que estaba a facer o imbécil e partíanse o cu coa risa. Tamén Mike, por suposto. Ao director do instituto non lle fixo moita graza e desenchufou os instrumentos (Dylan Unplugged?). O noso novo amigo de Lincoln conta que Zimmermann, como se nada, continuou co show até que rematou a canción e, coa meirande dignidade posible, abandonou o escenario, despois o instituto, despois Hibbing e despois… o resto é historia.

Mike tomou outros camiños e mentres Dylan ía cada vez máis e máis lonxe, el abríu un bar no barrio. Non lle foi mal, xa que alí coñeceu a Cindy, unha guapa loira que acabou convertida na nai dos seus catro fillos. A miudo lémbralle que podería ter casado cun home famoso e rico en vez dun camioneiro. É coquetería, xa que coñece ben a resposta: “Dylan terá cartos, mais seguro que non me faría rir como me fas tí”.

Knezovich convertiuse en camioneiro cando decidiu deixar o bar e mudarse a Lincoln, onde o seu irmán Milan dirixía unha empresa de distribución de bebida. Inda hoxe conduce o camión, e non irá ao concerto desta noite porque ten traballo. Lay Lady Lay é a súa canción favorita de entre as do seu paisano e gusta escoitar o resto do seu cancioneiro country, pero cando na radio poñen algunha de corte roqueiro, cambia de emisora. De tódolos xeitos o que máis admira de Dylan (Zimmermann, supoño, para el) non son as súas cancións, senón o feito de ter seguido o camiño que tiña marcado, a pesar das risas daquel día. “Non sei escribir cancións”, di, “e el non sabe conducir camións. Hai moita xente empeñada en facer cousas para as que non foi chamado, e penso que iso é como bater coa cabeza na parede”.

Esta historia quiteina da entrevista que Colleen Kenney lle fixo a Mike Knezovich e que publicaba hoxe o Lincoln Journal Star. Non sei que pensar. Ser Dylan debe ser a hostia, pero durmir durante corenta anos a carón da loira máis guapa de Hibbing, Minnesota, tampouco debe de estar nada mal. Que cabrón, Mike.

Ben, se vos cadra estar de pé ás dúas e media, lembrade que en Lincoln estará soando… Maggie´s Farm? Ou mellor lembrade que Mike estará no seu camión nalgún lugar entre Lincoln e Milwaukee. Espero que teña sorte e que na súa emisora favorita o dj pinche Lay Lady Lay, porque esta noite sinto que son Mike Knezovich e que estou tan lonxe de Dylan coma el.

Bicos e boas noites.

One Response to Eu tamén son Mike Knezovich »»


Comments

  1. Comentario by dylangz | 2006/10/25 at 23:58:57

    Chiquito, vouche deixar o bló para ti soíño. ¡Eres un crá! magnífico post, outro máis.


Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image