+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

O Long Play da semana (I): Shot of Love

Aviso: é un pos longo. Disculpade, pero mañá e pasado quizais non poda traballar no blo, así que se non queredes lelo dunha sentada, podedes lelo de dúas. Que vos aproveite. 

Aquela portada… ¡miña madriña! Aquelo metía medo: unha explosión de cores nun disparo como de cómic, ao Linchestein, un disparo de amor (tamén dose de amor). Dylan xa nos tiña acostumados a non saír nas portadas desde que atopara a Cristo (algo tería que ver), mais nunca imaxinara algo como iso. Resultaba algo hortera. Na contraportada sí que saía BD, nunha foto algo desenfocada, uliscando unha flor, pode que unha rosa, moi relaxado e feliz, pero sempre roqueiro, de cazadora negra e sen peitear. Tiña boa pinta. Como ser especial que é, inda non cumprira os corenta e xa pasara a crise dos corenta (divorcio, conversión, concertos en Budokan), así que xa estaba listo para a seguinte. Roto o plástico, dentro, unha decepción: non traía as letras. Agora sí, viñan detallados canción a canción os instrumentistas, nunhas anotacións feitas a man dun xeito algo descuidado, como descubriría que o estaba o resto do disco. Afortunadamente.

A primeira canción era un auténtico disparo, Shot of Love, que comezaba cunha harmonía vocal in crescendo empurrada polo coro feminino e polo propio Dylan. O que seguía era un rock pesado, guitarreiro, co toque gospel das coristas negras. Encantábame. Era o tipo de son que puña dos nervios a xente como Diego Manrique, mais eu, dylanita de segunda xeración, xa estaba afeito e era xusto o Shot of Dylan que agardaba. Ademais, a produción era a que eu consideraba (e considero) a axeitada para BD: as voces en primeiro plano, dominando, con moita presencia; as guitarras claras, con son metálico, clon-clon, e perfectamente distinguibles no caos; baixo e batería xustiños, apoiando; as cancións presentadas frescas, naturais, gravadas en dúas ou tres tomas aproveitando que o produtor, o técnico de son e o enxeñeiro foran durmir ou tomar unhas copas. Mandan os músicos. O LP pode soar descuidado, mais é un son directo, cheira a Dylan, semella que o tes ao lado, e iso mola. Carallo se mola.

A segunda canción era Heart of Mine, a xoia, a canción pequena que se volve máis e máis grande canta máis atención lle prestas. Purito Dylan. Alí estaba o espirito Beatles (Ringo),  e Stones (Ronnie), case nada con Dylan á batuta. Todo soa lixeiramente (por ser optimista) a destempo. Quizais beberan ou fumaran algo, pero podes sentir como se diverten tocando xuntos mentres aprenden unha nova canción. Desprende a calor do momento, pechas os ollos e podes ver a BD sentado ao piano e ao resto fitándoo, tratando de seguilo, de entender o que lle pasaba pola cabeza naquel intre, tratando de adiviñar o seguinte acorde.

Property of Jesus non tiña moito, mais posuía un riff vacilón, mentres Lenny Bruce era un coñazo, e escoitar a BD esforzándose por parecer o máis triste posible era, sinxelamente, patético. A peor canción do LP. Watered Down Love volvía a animar aos ointes cun final moi ledo e divertido, inda que tampouco era unha marabilla.

A segunda cara (sí, amigos, sí: falamos dun vinilo) comezaba con The Groom’s Still Waiting at the Altar, unha peza roqueira, pesada no mellor sentido do termo, mandando as guitarras, o Dylan de toda a vida, esta sí unha marabilla que te levantaba do sofá e atraía a túa atención até que che resultaba imposible escoitar ao teu pai berrando que baixaras o volume. Que tempos aqueles! Despois viña Dead Man, Dead Man, unha letanía cristiá cun certo ár reggae que molaba e entraba á primeira. In the Summertime era unha balada dylaniana ao 100%, marca reforzada pola harmónica, a min sempre me gustou e inda me tira moito. ComoTrouble, a seguinte canción, cun riff de guitarra e unha cadencia importadas do Money pinkfloydiano que soaba a gloria ricimanblusera. Ademais, acabando a canción, o técnico de son, probablemente esgotado diante da creatividade dylaniana, quedou durmido enriba da mesa (tal e como antes sospeitábamos) e deulle ao mando do volume, que sube uns decibelios de xeito sorpresivo e sen vir a conto: a Diego Manrique e a Daniel Lannois seguro que lles deu un infarto cando o escoitaron. Que se fodan.

O disco pechábase con Every Grain of Sand, que ten pasado a posteridade como unha das obras mestras de Dylan. Home, eu non diría tanto, pero quen son eu para discutirlles. A canción sostense sobre un simplísimo arpexio de acorde tríada maior e a harmonía, con certos detalles de calidade, é I-IV-V, é dicir, sota-cabalo-rei. Supoño que a un tipo que inventou a música por-rock tal e como hoxe a coñecemos pódeselle perdoar todo. A canción é efectivamente fermosa, unha letanía longa, marca da casa, que pecha o ciclo cristián ao mesmo tempo que o disco. Hai quen di que Infidels, o seguinte disco, pertence tamén a ese ciclo, máis non é a opinión do que escribe.

Recibide un saúdo e, se estades en pé ás catro da mañá, lembrade que nalgún lugar do mundo pode estar soando Maggie’s Farm.

Leave a Reply »»