+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Concerto do domingo no Cox Arena de San Diego

Aquí vai un resumo dos testemuños de dous californianos que asistiron ao último concerto de Dylan.

O amigo Samuels cóntanos que o cantante comezou algo despistado (non o creo: arrancou con Maggie´s Farm, é imposible despistarse) pero que levantou o voo cunha versión moi apegada ao orixinal de Spirit on the Water (a primeira vez que a toca nun concerto) e con outra de Highway61 (unha homenaxe que agradezo) na que BD e a súa banda “rocked like crazy” (xusto como no Gozo). Logo marcouse unha de Sugar Baby, outra de Cold Irons Bound e outra máis de Every Grain of Sand, coa que o “noso” corresponsal rozou o ceo. Despois foi a quenda de Desolation Row, na que destacou a guitarra de Denny, para agasallar logo ao público cunha Workingman Blues da que o noso amigo di que é, de entre as últimas cancións de Dylan, a favorita da súa muller (e eu afirmo que de medio mundo) . Ao final do concerto, unha ovación tan grande e sinceira que forzou un medio sorriso do artista (”Dylan had to crack a smile“). O testemuño do bo de Samuels remata cunha curiosa anotación: semella que durante todo o concerto BD andivo a vacilar divertido aos músicos, cambiando as melodías (que raro!),  o que os obrigou a estar atentos aos caprichos do seu xefe.

    Pola súa banda, Tim Lindgren deixa constancia do seu desacordo co sonido da banda, inda que recoñece que a culpa debeu ser dos técnicos, xa que o baixo e a batería soaban un pouco lonxe. Botou tamén a faltar un meirande desenvolvemento dos “solos” de guitarra. Critica ao novo guitarrista, Danny Freeman, que lle pareceu prosaico, mentres destaca os avances de Dylan fronte ao teclado, no que di que mellorou enormemente desde o seu debú nestas lides no 2002. A canción que máis lle chamou a atención foi Spirit on the Water, da que di que lle pasara desapercibida no disco pero que lle convenceu en directo. 

O seguinte concerto é hoxe mesmo ás 8 da tarde en Denver, Colorado (catro da mañá en Chapela, por exemplo). A ver se somos quen de conseguir algún testemuño. (Estes foron recollidos en Expecting rain)

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image