Dicionario (I)
Dylan (do deus mitolóxico Dylan) 1 n. p. m. Planeta coñecido desde moi antigo. É o meirande de cantos compoñen o sistema solar e superior en brillo a calquera outro. A súa enorme masa e densidade provoca que calquera corpo que pase preto del fique para sempre na súa órbita. A que el traza ao redor do Sol é moi longa, irregular e inestable, de xeito que as súas aparicións entre nós son infrecuentes e porén espectaculares e celebradas. 2 fam. En Duluth, aqueles rapaces que durmen mal pensando que á música folk fáltalle algo. 3 Nome propio dun laureado poeta moi coñecido, entre nós, grazas a que en Duluth hai xente que durme mal.
Dylaniano adx 1 Relativo ou pertencente ao planeta Dylan. 2 En Duluth, relativo á falta de sono.
Dylanita adx 1 Natural ou residente no planeta Dylan. 2 O que profesa a lei de Dylan. 3 Mineral predominante no planeta Dylan, tamén abundante na Terra, de cor amarela bronce con irisaciones pardo-vermellas, magnético e extremadamente duro e resistente.
Dylantropismo s. m. biol. Movemento de orientación dos tímpanos baixo a influencia unilateral do planeta Dylan como factor estimulante.